Moita Xela…no Xograr

Non podía ser menos, pola relación que tiña a autora homenaxeada nas Letras Galega 2021 coa nosa vila de Sarria. Así, e dunha forma interdisciplinar, artelláronse no noso centro escolar numerosas actividades.

Meses atrás, Radio Xograr emitiu a lectura duns poemas significativos cando se soubo que sería a homenaxeada. Tamén, o noso IES dedicoulle unha das súas “rúas” no rueiro de mulleres que destacaron en eidos diversos, neste caso o corredor que vai cara á biblioteca, no marco do 8 de marzo. Tamén en marzo participouse no proxecto “ Aquela nena de Sarria” do colectivo “Egena”, no que tomou parte alumnado de ESO e BAC, e artellouse unha exposición de paneis con traballos realizados polo alumnado xograrino.

Xa máis enriba do 17 de maio, tanto antes coma despois, procedeuse a lecturas de poesía súa en diversas clases e niveis. Alumnado de 1º e 4º ESO participaron nunhas lecturas “on line”, xunto a o IES Castelao de Vigo, organizadas dende A Cidade da Cultura. Outras e outras protagonizaron parte do documental “Vencerse é cousa de se tratar” , sobre a vida de Xela que emitiu Televisión de Galicia (TVG).

Organizamos o proxecto colectivo intercentros sarriaos, coa colaboración do Concello de Sarria, “Camiños Literarios de Xela Arias”, finalmente realidade tras un adiamento por culpa de choiva. E xa no noso centro luciron diversos traballos creativos sobre os poemas da escritora sarriá, ampliando nun formato máis grande algúns deles.

E como o exterior do noso centro é un espazo tamén para amosar actividades, baile tradicional e moderno, por parte de alumnos e alumnas de 1º e 3º ESO, así como de 1º de Bacharelato. E non esquecemos a interpretación do poema “Des-concerto” musicado por “Écheoquehai”.

Podedes ver neste post diversas fotografías, así como premer no enlace que vos leva ao documental emitido pola nosa canle autonómica. Grazas a todos e todas pola colaboración nesta completa lista de actividades.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.