Outra vez máis desfrutando do saber transmedia de @acoaira04 que veu a facer unha nova edición do seu obradoiro de manga para todas as seccións do noso Clube de Lectura. Entusiasmo, recomendacións e lecer a cachón. Gracias Aaron!







Outra vez máis desfrutando do saber transmedia de @acoaira04 que veu a facer unha nova edición do seu obradoiro de manga para todas as seccións do noso Clube de Lectura. Entusiasmo, recomendacións e lecer a cachón. Gracias Aaron!
Beliscar, átomo, espantallo, castaña, agarimo… palabras que serviron para falar, sorprender e ilusionar e por suposto, para improvisar no Concurso de Oratoria que se celebrou hoxe no Xograr. Momentos de expectación, ilusión, ganas e sobrevoando o terreo, medo escénico, timidez, ansiedade, suor nas mans…, mais que gratificante ver que temos unha rapazada que gusta dos retos, que non ten medo de nada, que quere gañar e que… vai ir á final do concurso de ORATORIA IMPROVISADA que se celebrará no IES Río Cabe o día 13 de abril.
PARABÉNS a todxs pola vosa participación e por facernos vibrar e sentirnos orgullosas e orgullosos e, por suposto PARABÉNS aos gañadores:
1ª CATEGORÍA ( 1º-2º ESO )
Icía Veiga
Marc Lopez
Laura Somoza
2ª CATEGORÍA ( 3º-4º ESO )
Anxo Sobrado
Mateo Cumbraos
Sofía López
3ª CATEGORÍA ( 1º 2º BAC )
Diego Cao
Mauro Díaz
Carlos Vilariño
O 8 de marzo xa é unha data xa indeleble no noso calendario de acción cultural. Unha data para seguir reivindicando a igualdade como un dereito natural de todas as persoas e comunidades, de todos os lugares e culturas. Este ano quixemos tomar partido na loita pola equiparación profesional, na necesidade dunha revisión das condicións laborais e na toma de conciencia sobre un feito indiscutible: as mulleres sempre parten dunha situación de franca desvantaxe e desigualdade cando son moitas as situacións nas que as capacidades e as competencias son as mesmas (ou mellores aínda…)
Daquela que deseñaramos un pequeno display no hall do edificio 1 para visibilizar esta realidade e facela pública, unha vez máis, no Día Internacional da Muller Traballadora.
Na mesma instalación voltamos a recuperar o proxecto da nosa querida compañeira Lola Chaos “Sarriás con fortaleza” para que o noso alumnado puidera facer a súa particular semblanza de mulleres cheas de fouteza da nosa contorna e que puideran ser honradas polo seu esforzo, intelixencia e coraxe. Son moitas pero anónimas, as mulleres que completan o noso mundo máis achegado.
Co gallo da Semana da Prensa, que desta volta ten lugar entre o 6 e o 10 de marzo, o Departamento de Francés artellou unha sinxela actividade baseada nas “unes” (primeiras) de xornais francófonos. Desta volta, cada día nun taboleiro de cortiza do vestíbulo do Edificio 2 estarán expostas portadas de rotativos de diversos países que se expresan en língua francesa. Unha forma sinxela de achegarse a novas do mundo enteiro a través de publicacións escritas en francés.
NO BICO, UN CANTAR REBELDE, matizariamos hoxe, con Rosalía, o poema de Curros. Rebelde por reivindicativo e solidario. Defensora dos máis débiles da súa contorna: as mulleres, os emigrantes, os orfos, a lingua e o pobo en xeral.
Carme Adán, filósofa, profesora e política; foi a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 25 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. Neste manifesto Carme Adán fai unha lectura filosófica e reivindicativa, simbólica e moderna de Rosalía de Castro presentándoa como unha muller intelixente e sensible que estivo atenta para denunciar as inxustizas sociais e ideolóxicas do seu tempo: que converteu aquelas vítimas nas protagonistas dos seus versos e que berrou por todas elas.
Menudo festival do demo que se montou neste entroido no Xograr!! Había gañas de leria e notouse ben! Extraordinarias as comparsas: imaxinativas, divertidas, animadas a tope!! Desfrutamos de todos dos números, ata do dxs profesorxs!! Parabens a comparsa gañadora e viva o entroido!!!
Aquí tedes unhas imaxes coa nosa mesa de recomendacións lectoras e tamén con binoculares para practicar a ornitoloxía.
Outra actividade que tivemos o 30 de xaneiro consistiu nunha instalación para conmemorar o Día Internacional da Paz e da Non Violencia co título de “Aulas rotas, almas feridas”.
Neste curso, enfocámonos nunha realidade tráxica como é a destrución de escolas no conflito de Ucraína. Recreamos os espazos onde moitas/os nenas/os están a impartir aulas e proxectamos o documental “Aulas Rotas” para non esquencer que o dereito á educación está por riba de todos os conflitos e que os colexios son lugares para a paz que deben quedar afastados de toda agresión ou ataque.
Tamén editamos un pequeno pasquín cun manifesto que incluímos máis abaixo que foi repartido entre o alumnado para tentar difundir ó máximo posible esta realidade na nosa comunidade educativa. Agardamos poder contribuir cos nosos xestos a que as escolas deixen de ser obxectivos militares nos conflitos bélicos.
Xornada intensa o día 30 de xaneiro no noso centro que arrancou lembrando a María Antonia Dans, a artista homenaxeada no Día da Ilustración na súa décima edición. Nesta data conmemórase o nacemento de Castela a través dunha iniciativa institucional que pretende visibilizar o traballo de artistxs mediante a organización de actividades entre as que se inclúen exposicións bibliográficas, obradoiros ou exposicións organizadas nas bibliotecas galegas.
Co gallo desta data, realizamos unha pequena exposición no hall do edificio principal achegando información sobre esta singular artista coruñesa e traballos do alumnado de Begoña Arias, a nosa compañeira de EPeV, con interesantes interpretacións da obra de Dans en formato de portada. Podedes visitala ata o día 3 de febreiro.