No bico, un cantar REBELDE! DÍA DE ROSALIA 23

Este curso non queriamos quedar sen celebrar o Día de Rosalía. De Rosalía. Sen necesidade de máis apelidos para identificala. Poucos autores e autoras haberá que recoñezamos só co nome. Así, ao abeiro da biblioteca, o ENDL, o departamento de Lingua e Literatura Galega e máis o departamento de Lingua e Literatura Castelá artellamos un acto que consistiu na lectura continua da obra rosaliana, ao longo de toda a xornada lectiva. No lecer, limos un manifesto e o noso alumnado interpretou “Balada Galega” de Xoán Montes.



NO BICO, UN CANTAR REBELDE, matizariamos hoxe, con Rosalía, o poema de Curros. Rebelde por reivindicativo e solidario. Defensora dos máis débiles da súa contorna: as mulleres, os emigrantes, os orfos, a lingua e o pobo en xeral.


Carme Adán, filósofa, profesora e política; foi a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 25 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. Neste manifesto Carme Adán fai unha lectura filosófica e reivindicativa, simbólica e moderna de Rosalía de Castro presentándoa como unha muller intelixente e sensible que estivo atenta para denunciar as inxustizas sociais e ideolóxicas do seu tempo: que converteu aquelas vítimas nas protagonistas dos seus versos e que berrou por todas elas.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.