Día do Libro 2021

Unha das datas máis sinaladas durante o curso e nas actividades que se realizan de forma interdisciplinar. Deste xeito, un interesante vídeo promovido dende o departamento de Lingua Castelá, contando coa colaboración do departamento de Plástica e no que participaron alumnos e alumnas de 3º ESO e 2º de Bacharelato. Doutra, a presenza dos carteis oficiais que se nos enviaron dende Bibliotecas Escolares con lemas e imaxes moi significativas. Igualmente as suxestións lectoras que conformamos cos fondos Plambe 2020/2021 que van chegando ao noso poder e que se poden levar en préstamo. Sen esquecer tampouco a singular aportación do departamento de Ciencias Sociais, cunha curiosa mostra de lombos titulada “ a biblioteca da nosa vida” con achegas de alumnado e profesorado. Todo o vedes ben ilustrado nos documentos fotográficos e audiovisuais que xuntamos. Bo día do Libro 2021 pois!!!

Novos fondos na biblioteca- Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2020-2021

Nos andeis do exterior da biblioteca xa tedes á vosa disposición os novos fondos que están chegando aos poucos para toda a nosa comunidade educativa. Son posibles grazas aos cartos que se concederon ao Xograr dentro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2020/2021. De momento xa tedes libros de Relixión, Inglés, Francés, Ciencias Sociais, Ciencias da Natureza, Ciclo de FP, Plástica, Educación Física, Física e Química, Filosofía, Clásicas, Galego, etc. E seguirán chegando novos fondos. Date unha volta no tempo de lecer polo corredor que hai xunto á biblioteca e consulta eses fondos que, como ben sabes, podes levar en préstamo quince días. Boa consulta, bo préstamo…e mellor lectura.

Libros electrónicos

Como sabedes no noso centro escolar dispoñemos de 17 libros electrónicos. Soportes que vos permiten achegarvos á lectura dixital, con numerosos fondos, libros de lecturas obrigatorias, títulos doutros disciplinas. Preme no documento en pdf e terás a túa disposición o tríptico que te conta todo con máis detalle. Boa lectura…tamén en dixital.

Día Mundial da Saúde

O pasado martes 7 de abril, no Xograr conmemoramos o Día Mundial da Saúde. Así, o alumnado e o profesorado do Ciclo Medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia organizaron varias actividades que foron compartidas nas titorías dos catro cursos da ESO.

Este ano a OMS lanzou a campaña baixo o lema “Construir un mundo máis xusto e saudable” . Vencellado, realizouse un gran mural no patio exterior, leuse un manifesto e propúxose un reto consistente en realizar campañas de promoción da saúde ao ritmo da música. A primeira proposta xa foi compartida polo propio Ciclo: trátase dunha coreografía na que podemos ver o protocolo de lavado de mans da OMS ao ritmo da canción “Mambo Nª 5”. Búscase que este reto corra de aula en aula e sirva para promover a saúde entre os membros da comunidade educativa ademais de lembrarnos as medidas de prevención fronte á Covid-19.

O cadro do mes

Unha nova pintura, neste traballo colectivo que coordina a profesora Sol Rodríguez e que cada mes ten a achega dunha persoa da nosa comunidade educativa. Desta volta, é unha achega colectiva, feita polas catro profesoras do ciclo formativo de FP. Preme no documento en pdf para ver o que se nos oferta neste mes de abril. Boa lectura…pictórica!!!