NOVEMBRO, TEBRO, NOITEBRO

“O inferno está baleiro

          e os diaños viven aquí”

                                         W. SHAKESPEARE

Todos os diaños parecen ter escapado dese inferno que tan ben describira o mito de Pandora: a enfermidade e a morte que trae o covid xerou un sinvivir de frustración , inquedanza, soidade e depresión  que nos convirten en protagonistas dunha peste que só nas ficcións máis catastróficas podiamos imaxinar. Como se dun vento ferido se tratase, camiñamos da man de sentimentos e emocións tóxicas  que non fan senon deteriorar o noso ecosistema vital.

Neste contexto, o Mes do Medo da nosa biblioteca vese superado pola realidade inmediata que causa en nós unha experiencia  que, por desgraza, xa non é literaria nin imaxinaria.  Agora , vivimos no medo.

Un medo que retrasou o comezo do curso, un medo que no Xograr se viviu como traxedia porque unha das nosas luces se apagou no fragor do comezo e nos deixou orfos, inquedos, desolados, incapaces de explicar o que nunca ten explicación…

Vivimos no medo e , esta vez, o medo non é un xogo literario.

Por iso, este ano, no que  o noso ánimo anda así; tebro e noitebro, a Biblioteca quere abrir unha pequena xanela curativa que poña algo de bálsamo nas nosas feridas almas e quere ser un antídoto para ese medo; un “Quitamedos” puntual e transitorio, conscientes de que o tempo só se vive en momentos e de que son eses momentos os que nos poden estabilizar cando todo ao noso carón treme. Un refuxio onde agardar a que escampe.

Igual que fixera Bocaccio ou os bardos e poetas de onte ou de hoxe , os libros están aí para  permitir reafirmármonos na importancia de coidar dos nosos sentimentos para poder así ser máis felices e útiles na nosa comunidade, desenvolvendo condutas empáticas que non empeoren a situación desafortunada que estamos a vivir.

Agora que somos conscientes máis que nunca da fraxilidade do material de que estamos feitos, parece que só temos unha posibilidade de curación: o coidado do noso para non sucumbir…

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.