“¡Contra viento y marea!”: 25N con Emilia Pardo Bazán

Este ano quixemos homenaxear á escritora Emilia Pardo Bazán no seu centenario e quixemos facelo da man de AnaBelén Durán (Lingua Castelá) e Begoña Arias (Plástica) inaugurando unha pequena exposición o día 25 de novembro para recoñecer a importancia que a autora e os seus escritos tiveron nesta loita contra a violencia de xénero.

Unha loita que ela comezou cando aínda case non existía o feminismo en España. Ela reivindicou a igualdade, reclamou leis que non abusaran da muller, defendeu o divorcio, denunciou a violencia en tódalas súas manifestacións (social, cultural, económica, familiar, doméstica, estética e psicolóxica), reivindicou a educación como solución e destapou a brutalidade á que as mulleres estaban sometidas. Falou de ” mullericidios” e retratou o medo e o abandono das vítimas que só acadaban algunha protección na soliedaridade das súas amigas e veciñas. Esas vítimas pertencían a todos os estamentos, reproducían moitas veces casos reais que a autora coñecía e tiñan nome propio. Ela berrou por elas na ficción, unha ficción simbólica na que se representan eses ” marcos do patriarcado” que, como di a crítica actual , ela comezou a mover.

A exposición foi realizada con obras orixinais do alumnado 4 ESO de Educación Plástica cunha técnica rompedora, o pop-art. Representacións que buscan a ruptura de todo tipo de moldes que Emilia Pardo Bazán levou a cabo na súa vida e na súa obra. Ela ” moveu os marcos”, co seu lema era ” contra viento y marea; oxalá nós poidamos derrubalos!!

Regueifando na biblio: obradoiro de improvisación oral con Sara Marchena

Á proposta do Servizo de Normalización Lingüística do centro, desenvolvéronse dúas xornadas vibrantes e sonantes vencelladas ao coñecemento da regueifa e da improvisación oral gracias a Sara Marchena, coñecida regueifeira e profe no centro.

A rapazada de 1º de ESO puido poñer en práctica as súas aptitudes e botamos boa conta que non se lles daba nada mal!!

Todo un privilexio poder contar coa xenerosidade e o entusiasmo de Sara nesta fantástica actividade.

BELEZA NO REFUGALLO: APRENDER DO REUTILIZAR

Durante estas últimas dúas semanas, o alumnado de 2º ESO C estivo a traballar na materia de Xeografía e Historia nun proxecto moi interesante: coñecer a arte medieval a través da reutilización do plástico.

Estudaron e investigaron a técnica bizantina do opus tesellatum (mosaico de teselas) a partir dos mosaicos de Xustiniano I e a emperatriz Teodora que están situados na igrexa de San Vitale de Rávena, en Italia.

Tomando estas referencias, e coa axuda dunha plantilla, recolectaron todo o refugallo de plástico de artículos que foron consumindo e recortárono en forma de teselas que logo foron colando na propia plantilla.

O resultado é impresionante como podedes ver. Este traballo pasou a formar parte do proxecto de centro que está a desenvolver a Vicedirección, no ámbito do programa “Generación Eco”

Outono neghro: se cae a noite tápate cun libro!!

Para estas datas tan escollidas nada como aprovisionarse de leña e un bo libro… chega a choiva, caen as follas, a noite chega antes e sen avisar: ven o outono neghro!!

Deste xeito, na biblioteca démoslle carrete ao maxín e escollimos unha serie de libros vinculados co misterio, o terror, o suspense e algo que dá máis medo que nada: o deterioro medioambiental no noso planeta.

Por cada préstamo que colleras do set de “Outono neghro” levabas unha lambetada de balde para ir a unha atración de medo de verdade: o teu / a túa dentista!!

BIBLIOFESTA!! (II): (re)celebrando o noso día coa actividade “Ler a cegas”.

O pasado luns 25 de outubro continuamos coas actividades para conmemorar o Día das Bibliotecas. Coa data xa vencida, decidimos facer unha actividade máis práctica e reflexiva: “Ler a cegas”

A acción consistiu en traballar arredor dalgúns prexuízos (positivos e negativos) sobre os libros que foron emitidos polo alumnado nos últimos dous cursos. A través de distintas consignas, propúxoselle ao alumnado que encetase unha serie de libros forrados en papel de xornal. Dese xeito, o/a lector/a entraba “a cegas” á lectura do libro e puido ter, na maior parte dos casos, unha experiencia que contradecía ou neutralizaba o contido e o sentido da consigna.

Unha acción moi estimulante para non esquecer que cada lector/a ten unha relación particular cos libros e a lectura.

BIBLIOFESTA!! (I): celebrando o noso día coa actividade “Sálvame”.

O pasado venres 22 de outubro arrincamos as actividades para conmemorar o Día das Bibliotecas que se celebra todos os anos o 24 de outubro. Este ano decidimos artellar dúas actividades: unha antes da efeméride e outra despois.

Nesta primeira actividade, decidimos aproveitar os cambios que estamos a facer na biblio para expoñer os magníficos traballos e deseños relacionados co mundo do libro e da lectura que o noso alumnado foi facendo os últimos cursos e que estaban custodiados enriba dos andeis.

Co nome de “Sálvame”, expusemos todos os traballos no patio cuberto do centro e invitamos a todo o alumnado a escoller dous para seren conservados un pouco máis na nosa biblioteca.

A vosa resposta foi, coma sempre, marabillosa e puidemos desfrutar dos traballos e desta actividade con moita diversión!!

Graciñas a Sonia polas imaxes!

CONEXIÓN MEDIEVAL: O IES Xograr Afonso Gómez loce a exposición sobre o trobador Martín de Pradozelos

O pasado 18 de outubro, abrimos as portas do noso centro á exposición didáctica sobre un dos primeiros trobadores da lírica medieval galego-portuguesa, Martín de Padrozelos.

Para a inauguración contamos coa presenza de Luís Celeiro Álvarez (coordinador do traballo e presidente de APECSA) quen nos introduciu na órbita do mundo medieval e resaltou a importancia do Mosterio de Samos como eixo vertebrador da cultura desta época. Asemade, neste acto de apertura, tivemos ocasión de escoitar a creación literaria da nosa alumna, Carla López Celeiro, vencellada familiarmente á terra natal louzarina de Martín de Pradozelos.


Ata o día 26 toda a comunidade educativa do Xograr poderá gozar desta exposición no Salón de Actos do Centro.

Non deixedes de visitala!