BIBLIOFESTA!! (II): (re)celebrando o noso día coa actividade “Ler a cegas”.

O pasado luns 25 de outubro continuamos coas actividades para conmemorar o Día das Bibliotecas. Coa data xa vencida, decidimos facer unha actividade máis práctica e reflexiva: “Ler a cegas”

A acción consistiu en traballar arredor dalgúns prexuízos (positivos e negativos) sobre os libros que foron emitidos polo alumnado nos últimos dous cursos. A través de distintas consignas, propúxoselle ao alumnado que encetase unha serie de libros forrados en papel de xornal. Dese xeito, o/a lector/a entraba “a cegas” á lectura do libro e puido ter, na maior parte dos casos, unha experiencia que contradecía ou neutralizaba o contido e o sentido da consigna.

Unha acción moi estimulante para non esquecer que cada lector/a ten unha relación particular cos libros e a lectura.

BIBLIOFESTA!! (I): celebrando o noso día coa actividade “Sálvame”.

O pasado venres 22 de outubro arrincamos as actividades para conmemorar o Día das Bibliotecas que se celebra todos os anos o 24 de outubro. Este ano decidimos artellar dúas actividades: unha antes da efeméride e outra despois.

Nesta primeira actividade, decidimos aproveitar os cambios que estamos a facer na biblio para expoñer os magníficos traballos e deseños relacionados co mundo do libro e da lectura que o noso alumnado foi facendo os últimos cursos e que estaban custodiados enriba dos andeis.

Co nome de “Sálvame”, expusemos todos os traballos no patio cuberto do centro e invitamos a todo o alumnado a escoller dous para seren conservados un pouco máis na nosa biblioteca.

A vosa resposta foi, coma sempre, marabillosa e puidemos desfrutar dos traballos e desta actividade con moita diversión!!

Graciñas a Sonia polas imaxes!

CONEXIÓN MEDIEVAL: O IES Xograr Afonso Gómez loce a exposición sobre o trobador Martín de Pradozelos

O pasado 18 de outubro, abrimos as portas do noso centro á exposición didáctica sobre un dos primeiros trobadores da lírica medieval galego-portuguesa, Martín de Padrozelos.

Para a inauguración contamos coa presenza de Luís Celeiro Álvarez (coordinador do traballo e presidente de APECSA) quen nos introduciu na órbita do mundo medieval e resaltou a importancia do Mosterio de Samos como eixo vertebrador da cultura desta época. Asemade, neste acto de apertura, tivemos ocasión de escoitar a creación literaria da nosa alumna, Carla López Celeiro, vencellada familiarmente á terra natal louzarina de Martín de Pradozelos.


Ata o día 26 toda a comunidade educativa do Xograr poderá gozar desta exposición no Salón de Actos do Centro.

Non deixedes de visitala!