Moita Xela…no Xograr

Non podía ser menos, pola relación que tiña a autora homenaxeada nas Letras Galega 2021 coa nosa vila de Sarria. Así, e dunha forma interdisciplinar, artelláronse no noso centro escolar numerosas actividades.

Meses atrás, Radio Xograr emitiu a lectura duns poemas significativos cando se soubo que sería a homenaxeada. Tamén, o noso IES dedicoulle unha das súas “rúas” no rueiro de mulleres que destacaron en eidos diversos, neste caso o corredor que vai cara á biblioteca, no marco do 8 de marzo. Tamén en marzo participouse no proxecto “ Aquela nena de Sarria” do colectivo “Egena”, no que tomou parte alumnado de ESO e BAC, e artellouse unha exposición de paneis con traballos realizados polo alumnado xograrino.

Xa máis enriba do 17 de maio, tanto antes coma despois, procedeuse a lecturas de poesía súa en diversas clases e niveis. Alumnado de 1º e 4º ESO participaron nunhas lecturas “on line”, xunto a o IES Castelao de Vigo, organizadas dende A Cidade da Cultura. Outras e outras protagonizaron parte do documental “Vencerse é cousa de se tratar” , sobre a vida de Xela que emitiu Televisión de Galicia (TVG).

Organizamos o proxecto colectivo intercentros sarriaos, coa colaboración do Concello de Sarria, “Camiños Literarios de Xela Arias”, finalmente realidade tras un adiamento por culpa de choiva. E xa no noso centro luciron diversos traballos creativos sobre os poemas da escritora sarriá, ampliando nun formato máis grande algúns deles.

E como o exterior do noso centro é un espazo tamén para amosar actividades, baile tradicional e moderno, por parte de alumnos e alumnas de 1º e 3º ESO, así como de 1º de Bacharelato. E non esquecemos a interpretación do poema “Des-concerto” musicado por “Écheoquehai”.

Podedes ver neste post diversas fotografías, así como premer no enlace que vos leva ao documental emitido pola nosa canle autonómica. Grazas a todos e todas pola colaboración nesta completa lista de actividades.

2ª reunión do Clube Lector “ O Xograr Lector”

De xeito telemático, alumnado, profesorado e o escritor Paco Gómez déronse cita durante case dúas horas no marco da segunda reunión do presente curso do “Xograr Lector”, o club lector do noso centro escolar. Falouse, comentouse, intercambiáronse opinións sobre o foto-libro “ Wattebled o el  rastro de las cosas”, do citado autor madrileño….con avoa por certo galega, de orixe coruñesa. Interesantes e aproveitados minutos de posta en común sobre unha historia singular onde recordos, fotografías e vivencias van xuntas da man

9 de maio – Día de Europa

Propuxémoslle ao departamento de Ciencias Sociais facer algo co gallo do Día de Europa. Liáronse a manta á cabeza, liaron a alumnos de diversos cursos e fixeron un sinxelo video baseado na frase “ Eu Son Europa”. Grazas a Paula, Diego e Xosé Lois podedes ver a alumnos e alumnas do noso centro escolar traducindo dita frase a linguas tan diversas como o inglés, francés, alemán, italiano, portugués, etc.

2ª reunión do Xograr Lector

Paco Gómez anímavos a participar na segunda reunión do Club Lector “ O Xograr Lector”, que terá lugar o vindeiro mércores 19 de maio. Será pola tarde, ás 15h45 e no formato videoconferencia, como na primeira. Pero, vos preguntaredes: quen é Paco Gómez? pois o escritor do libro sobre o que imos falar, é dicir “Wattebled o el rastro de las cosas”. Preme no vídeo para escoitar as súas verbas e non te esquezas de pasar pola biblioteca e coller un exemplar dun libro que é doado de ler e te vai sorprender gratamente.

O cadro do mes

Desta volta o de maio, nesa sección que dende a biblioteca ofrecemos mes a mes bautizada como “Algo máis ca un cadro”. Quenda para o profesor de Relixión e membro do equipo da biblioteca Jorge Marcos quen aporta o seu. Jorge cóntanos moitas cousas sobre unhas das grandes obras do pintor catalán Salvador Dalí. Preme no documento en soporte pdf e atoparás pormenorizada a análise desta obra mestra da pintura española.

Mural de Lolita Díaz Baliño

Contando coa axuda da Area de Cultura da Deputación de Lugo e enmarcado dentro do proxecto “IlustrarNÓS”, o noso centro tivo acceso á realización dun gran mural, que xa decora unha das paredes exteriores do edificio 2. Foi realizado pola ilustradora-muralista Ana Santiso e representa a Lolita Díaz Baliño (1905-1963) , pintora coruñesa a quen se lle dedica o Día da Ilustración 2021. O mural, que busca darlle a Díaz Baliño o recoñecemento que non tivo no seu momento, é un retrato desta creadora, por certo tía do coñecido intelectual lucense Isaac Díaz Pardo, con elementos sacados das súas ilustracións. Recrea un pouco elementos nos que a artista coruñesa movíase e traballaba, como a costa da Coruña, a propia vila da Coruña ou o seu estudo. Nas fotos que acompañan este post podedes ver fases do proceso de realización que levou a cabo Ana Santiso no noso centro escolar.

Día da Terra – 22 de abril

Co gallo desta celebración, o alumnado de Tic’s de 4º ESO, coordinado polo docente Jesús Mella, realizou un traballo de creatividade usando a ferramenta fotográfica GIMP. Buscábase, igualmente, concienciar da importancia que ten o coidado da nosa natureza. Aquí podedes ver o resultado. Grazas pola colaboración e disposición, tanto do alumnado como do profesor

.

Obradoiro con Xurxo Souto

Coñecido músico, animador, tamén profesor, o multidisciplinar coruñés Xurxo Souto está impartindo un interesante obradoiro no noso centro escolar. Dúas sesións nas horas de titoría cos grupos de 3º ESO A e C respectivamente dentro das actividades vencelladas ao noso Club de Letras. Baixo o título “ Educando, emocionando, musicando”, Souto aportou toda a súa sapiencia e creatividade nunhas horas nas que contou coa entregada colaboración do citado alumnado. Lembramos que cursos atrás este creador xa estivera no noso centro escolar, nunha sesión do Club Lector “ O Xograr Lector”, traballando arredor do libro “ A caza do ghazafello” e facendo as ledicias de todos os participantes