Momento Radiante : encontro con Manuel Darriba

A finais do mes pasado tivemos moita actividade arredor da presentación do libro “Radiante” de Manuel Darriba editado por #chandapolvora con dous actos en diferentes datas: un na Casa da Cultura de Sarria e outro no noso propio centro.

Marabillosa velada que nos brindou Teresa López, profesora de Lingua e Literatura Galega, xunto co noso alumnado no acto público de presentación do novo libro de Manuel Darriba “Radiante”, na Casa da Cultura de Sarria. “Radiante” é o novo libro deste autor sarriao, publicado nunha edición fantástica da editora compostelá Chan da Pólvora. Interviron Antón Lopo (editor), o propio autor e foron secundados por Ari, Thalia, Aitana, Xabi, Mateo, Fabia, Xana, Mauro, María, Lía, Slatel e Carlos cun variadísimo programa de interpretacións dos poemas do libro. Un acto extraordinario cheo de talento e sensibilidade que puido desfrutar toda a veciñanza de Sarria.

Tamén tivemos ocasión para realizar a presentación no noso centro, de novo da man da compañeira de galego, Teresa López. Manuel asinou un dos dous exemplares que temos no noso fondo e fíxonos unha visita para intercambiar experiencias e posturas arredor da creación, da escrita e da lectura. Un luxo de xornada!

Móvete á xeito!: Día Internacional das Persoas con Discapacidade

O pasado día 5 de decembro tivemos outra nova actividade co gallo do día da Discapacidade, organizada polo Departamento de APSD co apoio de @enki_proyecto. Nas diferentes estacións, o noso alumnado de secundaria puido achegarse á realidade das persoas con discapacidade que practican deporte coa oportunidade de realizar actividades cos seus mesmos medios e recursos.

Máis 25N!!

O día 25 de novembro segue a ser unha data sinalada no calendario do noso centro. Dende a biblioteca seguimos denunciando a existencia da violencia de xénero. Seguimos lamentando, tamén, as mortes que provoca:  37 no ano 2022 (e 1.167 desde 2003); queremos amosar o    noso rexeitamento a todas as accións violentas contra as mulleres, tamén a aquelas que transitan de forma máis sutil e menos explícita. 

Este curso fixamos a nosa atención nas continuas mensaxes sexistas que seguen a estar arraigadas na nosa sociedade e que perpetúan os estereotipos  machistas que queremos desterrar. Son moitas as situacións da vida cotiá, especialmente no entorno profesional, nas que a imaxe feminina é fundamental: azafatas, recepcionistas, secretarias, dependentas,                    camareiras… Se para os homes o currículo é máis importante que os seus    bíceps, a beleza, nun mundo onde a demanda de emprego é inesgotable, funciona como un dispositivo discriminador cara ás mulleres.

Ao vivir insertos nunha cultura mediática que premia ás mulleres fermosas como representantes da modernidade, a felicidade e o éxito—  en definitiva, os valores positivos da sociedade de consumo-,  asistimos a unha desvalorización soterrada das mulleres menos agraciadas, vinculadas a valores non tan positivos. As democracias modernas non provocaron o declive desta imaxe senón que a intensificacron: a beleza converteuse nun valor de cambio nun mercado de masas. A hipersexualización e a sublimación de certa beleza présentase como un instrumento de éxito persoal ao que calquera muller pode optar sempre e cando o poida pagar.  Pero o custo de axustarse aos modelos impostos é demasiado alto; a guerra á idade, ás imperfeccións, ás pequeneces, mina os recursos económicos e a autoestima das mulleres.

Estas ideas foron fundamentais para artellar unha serie de actividades no 25 de novembro coas que buscamos desenvonlver un espazo de reflexión de denuncia. Artellamos unha pequena instalación coa que quixemos revertir a nosa postura dende a linguaxe visual coa axuda do alumnado de Plástica de 4º de ESO. No recreo, realizamos tamén un acto público colectivo no que limos un manifesto e tamén repartimos brochuras poéticas arredor da crítica desa imaxe sexista da muller que vemos nos medios e na opinión pública. O alumnado de Introdución á Cultura Visual de 2º de Bacharelato completou a instalación cun traballo cooperativo arredora da realidade visual da muller nos medios de masa que serviu para pechar as actividades en torno a esta efeméride.

Escribir o medo: Samaín 22

Como desfrutamos este ano do Samaín!!! Houbo momentos de medo e misterio, lambetadas e moito libro, claro! como non? A rapazada de 1º de ESO foi a máis participativa. Viñeron pintadxs e vestidxs para a ocasión e montamos unha boa festa na sala da nosa biblioteca.

Tamén tivemos tempo para artellar a actividade “Canto medo cabe nunha frase?” cunha morea de fantásticas creacións escritas pola nosa rapazada nas catro linguas que se imparten no centro.

E tamén houbo algún premio! Dana, unha alumnade 2º de ESO gañou o concurso de vídeos de terror organizado polo ENDL. Entregoulle o premio a coordinadora de profesora de Lingua e LIteratura Galega: Carme G. Conde.

SEN HISTORIA, NON SOMOS: DÍA MUNDIAL DO ALZHEIMER

A semana pasada organizamos unha fermosa actividade co gallo do Día Mundial do Alzheimer co título “Sen historia, NON SOMOS”. Tratábase de lembrármonos a importancia da memoria, persoal e colectiva, como un recurso humano que favorece a identidade e o benestar social.

A proposta para toda a nosa comunidade educativa era reflexionar sobre esta doenza que xa ten consideración epidémica e poñer en valor o exercicio da memoria como acto humano indispensable na conformación da identidade. Así o alumnado participante tentou reflectir cun mural colaborativo as lembranzas das non se desprenderían endexamais e que constitúen unha parte imprescindible da súa vida.

A actividade, organizada polo equipo de dinamización da nosa biblioteca, contou coa colaboración do profesorado e o alumnado do CM de APSD.

OBRADOIRO DE MANGA CON AARON COEGO

Temos unha cuestión sempre pendente na nosa biblioteca: animarvos a achegarvos ao universo Manga. Unhas veces por preguiza, outras veces por puro descoñecemento; imos deixando que pasen os cursos sen meterlle o dente a este “xénero de xéneros”, a todo ese Universo que o Manga…

Así que este ano decidimos montar un pequeno obradoiro de iniciación ao Manga da man dun mellores especialistas cos que podiamos contar: un alumno do noso propio centro. Que grande fortuna contar con Aaron Coego!! Este rapaz de 2º BAC que nos deixa este ano para comezar os seus estudos universitorios é un auténtico apaixoado do Manga e contaxiounos a súa paixón polos autores e as narrativas do Manga, especialmente por algúns títulos do “seinen”…

Gracias logo a Aaron pola súa proverbial ponencia e tamén polas súas atractivas suxerencias que de ben seguro teremos en conta na formación dos Clubes de Lectura Vindeiros!!

MÁIS “MALETAS VIAXEIRAS”: AGORA TOCA BANDA DESEÑADA!!

Gracias ao programa “Maletas Viaxeiras” da Asesoría de Bibliotecas, podemos contar con referencias de cómic e banda deseñasa ben interesantes.

Dende “clásicos básicos” coma Astérix e Obélix a novas xoias contemporáneas coma “Arrugas” de Paco Roca, “Maus” de Art Spiegelman ou “Persépolis” de Marjane Satrapi, temos a posiblidade de desfrutar dunha boa manda de referencias para ir templando os calores que xa aveciñán o verán!!

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

Vimos de celebrar recentemente a semana das Letras Galegas. Co gallo do día 17 de maio, acompañamos aos Departamentos de Lingua e Literatura Galega e Música na celebración dunha serie de actos e actividades para lembrar a importancia da nosa lingua en todos os ámbitos do noso centro.

O Departamento de Lingua e Literatura Galega artellou unha exposición para lembrar a figura de Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987) avogado e escritor de Valdeorras que resultou homenaxeado no Día das Letras deste ano. Tamén se quixo lembrar xs autorxs homenaxeadxs noutros anos, lembrando aquelxs nadxs na provincia de Lugo (e algún infiltrado que outro…) e tamén invocando que o noso Fiz Vergara Vilariño poida acadar ese recoñecemento próximamente.

O Departamento de Galego tamén artellou unha actividade ben interesante, realizando co alumnado de 3º ESO PMAR unha serie de pequenas autopublicacións moi fermosas e mellor acabadas coas que realizaron unha pequena exposición na propia biblioteca.

E como broche de ouro final a esta Semana das Letras, o Departamento de Música organizou un concerto coa agrupación sarriá “Clarisaxos” integrada por moitas persoas da nosa comunidade educativa.

BIBLIOEMBAIXADAS: RECIBIMOS O IES “MARÍA SARMIENTO” (Viveiro)


A semana pasada recibimos na nosa biblioteca de Alicia (coordinadora da @bibliomasa); Mari Luz e Basanta (vellos e queridos compañeirxs do IES María Sarmiento).

Quedou logo establecida outra das nosas  #biblioembaixadas e a rapazada do María Sarmiento participou na nosa activivade #atrincheiratenoslibros xunto cxs profxs. Quedamos emplazadxs para futuras actividades e proxectos!!