Nova sección

Nova sección

Cada curso buscamos dende a biblioteca do Xograr facer algún tipo de sección que sexa de interese para toda a nosa comunidade escolar. E buscamos tamén a variedade, para escapar da monotonía. Sección que coordina a docente de Ciencias Naturais, Sol Rodríguez. Antano foi “ o libro ou a película do mes” e desta volta a nosa intención era introducir a música, cunha achega mensual aproveitando as instalacións de Radio Xograr. Pero as especiais circunstancias do curso actual fixéronos cambiar de opinión e virar cara a arte. Así que, “ Algo máis ca un cadro” e a nova sección, que arrinca coa aportación doutro docente de Bioloxía e Xeoloxía, Xosé María Castro. Preme no documento e saberás moito máis da primeira obra pictórica do 2020-2021.

Algo máis que un cadro – Outubro 2020

Reordenando Historia

 

Unha das tarefas que está a facer a profesora Paula González Pavón, do equipo de biblioteca. Son moitos os fondos que tíñamos de Ciencias Sociais e cumpría reordenar, clasificar, catalogar, etc. Quedou listo o apartado que atinxe a Arte e agora estase co eido da Historia propiamente dita. Un dos cambios aplicados é a colocación de certas revistas vencelladas a esta disciplina no corredor exterior, na zona onde xa había revistas, como podedes apreciar na fotografía.

NOVEMBRO, TEBRO, NOITEBRO

“O inferno está baleiro

          e os diaños viven aquí”

                                         W. SHAKESPEARE

Todos os diaños parecen ter escapado dese inferno que tan ben describira o mito de Pandora: a enfermidade e a morte que trae o covid xerou un sinvivir de frustración , inquedanza, soidade e depresión  que nos convirten en protagonistas dunha peste que só nas ficcións máis catastróficas podiamos imaxinar. Como se dun vento ferido se tratase, camiñamos da man de sentimentos e emocións tóxicas  que non fan senon deteriorar o noso ecosistema vital.

Neste contexto, o Mes do Medo da nosa biblioteca vese superado pola realidade inmediata que causa en nós unha experiencia  que, por desgraza, xa non é literaria nin imaxinaria.  Agora , vivimos no medo.

Un medo que retrasou o comezo do curso, un medo que no Xograr se viviu como traxedia porque unha das nosas luces se apagou no fragor do comezo e nos deixou orfos, inquedos, desolados, incapaces de explicar o que nunca ten explicación…

Vivimos no medo e , esta vez, o medo non é un xogo literario.

Por iso, este ano, no que  o noso ánimo anda así; tebro e noitebro, a Biblioteca quere abrir unha pequena xanela curativa que poña algo de bálsamo nas nosas feridas almas e quere ser un antídoto para ese medo; un “Quitamedos” puntual e transitorio, conscientes de que o tempo só se vive en momentos e de que son eses momentos os que nos poden estabilizar cando todo ao noso carón treme. Un refuxio onde agardar a que escampe.

Igual que fixera Bocaccio ou os bardos e poetas de onte ou de hoxe , os libros están aí para  permitir reafirmármonos na importancia de coidar dos nosos sentimentos para poder así ser máis felices e útiles na nosa comunidade, desenvolvendo condutas empáticas que non empeoren a situación desafortunada que estamos a vivir.

Agora que somos conscientes máis que nunca da fraxilidade do material de que estamos feitos, parece que só temos unha posibilidade de curación: o coidado do noso para non sucumbir…

Bos números

…cos que arrincamos o primeiro mes de curso na biblioteca ( neste caso un pouquiño máis). Dende o pasado 23 de setembro, día de inicio da actividade lectiva no noso centro escolar, e ata o venres 30 de outubro, catalogáronse polo sistema Meiga un total de 154 fondos. E neste tempo fixéronse, entre todos os membros da comunidade escolar, 114 préstamos.

Veña, queremos máis, moito máis, lembrando que a lectura, é unha enorme ferramenta!!!

Cartel de “Xeografías lectoras…

…na biblioteca escolar”. Lema e cartel que publicou a Consellería de Cultura, Educación e Universidade para o curso actual 2020/2021. Quérese poñer o foco nas posibilidades que ofrece a biblioteca escolar para a construción da persoa lectora a través de diferentes actividades programadas e das ferramentas que ten a súa disposición a comunidade educativa.

Diversos carteis, idea da ilustradora Bea Lema, decoran certos puntos determinantes do noso centro escolar como podedes comprobar nas fotografías.

Primeiros “lectores electrónicos”

Santiago Díaz López e Said Hammoudan, ambos de 2º ESO B, son os dous primeiros lectores da nosa biblioteca que levan un libro electrónico no presente curso escolar 2020-2021. En dito soporte procederán á lectura do libro “Cando petan na porta pola noite” de Xabier P. Docampo. Lembra que na nosa biblioteca dispoñemos dunha serie de “e-readers” que permiten a lectura en soporte dixital de moitos fondos de disciplinas de ESO, Bacharelato e FP. Pásate pola biblioteca no tempo de lecer e terás información máis precisa desta opción de lectura tan acorde cos tempos actuais.

Títulos en soporte electrónico

Lembrade que boa parte dos libros de lectura obrigatoria de Lingua Castelá e Lingua Galega están tamén dispoñibles nos 17 libros electrónicos dos que dispón o noso centro escolar. Consulta a lista que xuntamos onde atopas os fondos que tamén podes ler en formato dixital.

Boa lectura…dixital!!!

Lecturas obrigatorias Galego e Castelá- 2020-2021- Soporte Electrónico

24 de outubro: Día das Bibliotecas

 

A data do 24 de Outubro foi escollida como día para sinalar a importancia das bibliotecas na sociedade. Esta data foi creada en 1997 pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil co apoio do Ministerio de Cultura.

Preme  no enlace e atoparás imaxes das bibliotecas máis fermosas do mundo

BIBLIOTECA DEL MONASTERIO DE WIBLINGEN (1)