2ª reunión do Xograr Lector

Paco Gómez anímavos a participar na segunda reunión do Club Lector “ O Xograr Lector”, que terá lugar o vindeiro mércores 19 de maio. Será pola tarde, ás 15h45 e no formato videoconferencia, como na primeira. Pero, vos preguntaredes: quen é Paco Gómez? pois o escritor do libro sobre o que imos falar, é dicir “Wattebled o el rastro de las cosas”. Preme no vídeo para escoitar as súas verbas e non te esquezas de pasar pola biblioteca e coller un exemplar dun libro que é doado de ler e te vai sorprender gratamente.

O cadro do mes

Desta volta o de maio, nesa sección que dende a biblioteca ofrecemos mes a mes bautizada como “Algo máis ca un cadro”. Quenda para o profesor de Relixión e membro do equipo da biblioteca Jorge Marcos quen aporta o seu. Jorge cóntanos moitas cousas sobre unhas das grandes obras do pintor catalán Salvador Dalí. Preme no documento en soporte pdf e atoparás pormenorizada a análise desta obra mestra da pintura española.

Mural de Lolita Díaz Baliño

Contando coa axuda da Area de Cultura da Deputación de Lugo e enmarcado dentro do proxecto “IlustrarNÓS”, o noso centro tivo acceso á realización dun gran mural, que xa decora unha das paredes exteriores do edificio 2. Foi realizado pola ilustradora-muralista Ana Santiso e representa a Lolita Díaz Baliño (1905-1963) , pintora coruñesa a quen se lle dedica o Día da Ilustración 2021. O mural, que busca darlle a Díaz Baliño o recoñecemento que non tivo no seu momento, é un retrato desta creadora, por certo tía do coñecido intelectual lucense Isaac Díaz Pardo, con elementos sacados das súas ilustracións. Recrea un pouco elementos nos que a artista coruñesa movíase e traballaba, como a costa da Coruña, a propia vila da Coruña ou o seu estudo. Nas fotos que acompañan este post podedes ver fases do proceso de realización que levou a cabo Ana Santiso no noso centro escolar.

Obradoiro con Xurxo Souto

Coñecido músico, animador, tamén profesor, o multidisciplinar coruñés Xurxo Souto está impartindo un interesante obradoiro no noso centro escolar. Dúas sesións nas horas de titoría cos grupos de 3º ESO A e C respectivamente dentro das actividades vencelladas ao noso Club de Letras. Baixo o título “ Educando, emocionando, musicando”, Souto aportou toda a súa sapiencia e creatividade nunhas horas nas que contou coa entregada colaboración do citado alumnado. Lembramos que cursos atrás este creador xa estivera no noso centro escolar, nunha sesión do Club Lector “ O Xograr Lector”, traballando arredor do libro “ A caza do ghazafello” e facendo as ledicias de todos os participantes

Día do Libro 2021

Unha das datas máis sinaladas durante o curso e nas actividades que se realizan de forma interdisciplinar. Deste xeito, un interesante vídeo promovido dende o departamento de Lingua Castelá, contando coa colaboración do departamento de Plástica e no que participaron alumnos e alumnas de 3º ESO e 2º de Bacharelato. Doutra, a presenza dos carteis oficiais que se nos enviaron dende Bibliotecas Escolares con lemas e imaxes moi significativas. Igualmente as suxestións lectoras que conformamos cos fondos Plambe 2020/2021 que van chegando ao noso poder e que se poden levar en préstamo. Sen esquecer tampouco a singular aportación do departamento de Ciencias Sociais, cunha curiosa mostra de lombos titulada “ a biblioteca da nosa vida” con achegas de alumnado e profesorado. Todo o vedes ben ilustrado nos documentos fotográficos e audiovisuais que xuntamos. Bo día do Libro 2021 pois!!!

Novos fondos na biblioteca- Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2020-2021

Nos andeis do exterior da biblioteca xa tedes á vosa disposición os novos fondos que están chegando aos poucos para toda a nosa comunidade educativa. Son posibles grazas aos cartos que se concederon ao Xograr dentro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2020/2021. De momento xa tedes libros de Relixión, Inglés, Francés, Ciencias Sociais, Ciencias da Natureza, Ciclo de FP, Plástica, Educación Física, Física e Química, Filosofía, Clásicas, Galego, etc. E seguirán chegando novos fondos. Date unha volta no tempo de lecer polo corredor que hai xunto á biblioteca e consulta eses fondos que, como ben sabes, podes levar en préstamo quince días. Boa consulta, bo préstamo…e mellor lectura.

Libros electrónicos

Como sabedes no noso centro escolar dispoñemos de 17 libros electrónicos. Soportes que vos permiten achegarvos á lectura dixital, con numerosos fondos, libros de lecturas obrigatorias, títulos doutros disciplinas. Preme no documento en pdf e terás a túa disposición o tríptico que te conta todo con máis detalle. Boa lectura…tamén en dixital.

Día Mundial da Saúde

O pasado martes 7 de abril, no Xograr conmemoramos o Día Mundial da Saúde. Así, o alumnado e o profesorado do Ciclo Medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia organizaron varias actividades que foron compartidas nas titorías dos catro cursos da ESO.

Este ano a OMS lanzou a campaña baixo o lema “Construir un mundo máis xusto e saudable” . Vencellado, realizouse un gran mural no patio exterior, leuse un manifesto e propúxose un reto consistente en realizar campañas de promoción da saúde ao ritmo da música. A primeira proposta xa foi compartida polo propio Ciclo: trátase dunha coreografía na que podemos ver o protocolo de lavado de mans da OMS ao ritmo da canción “Mambo Nª 5”. Búscase que este reto corra de aula en aula e sirva para promover a saúde entre os membros da comunidade educativa ademais de lembrarnos as medidas de prevención fronte á Covid-19.

O cadro do mes

Unha nova pintura, neste traballo colectivo que coordina a profesora Sol Rodríguez e que cada mes ten a achega dunha persoa da nosa comunidade educativa. Desta volta, é unha achega colectiva, feita polas catro profesoras do ciclo formativo de FP. Preme no documento en pdf para ver o que se nos oferta neste mes de abril. Boa lectura…pictórica!!!