OS NOSOS LECTORES ELECTRÓNICOS

Lista libros dixitais  Na  biblioteca do Xograr e a  disposición de todos os membros da comunidade educativa – alumnos, profesores, persoal non docente, pais e nais –    dispoñemos de 5 libros dixitais. Neles  atoparedes diversas obras literarias, de moi variados autores. Tedes un listado completo no curruncho que hai  xunto aos aseos do profesorado. 
 
 Lembra que tan so tes que pasar pola biblioteca e pedir unha autorización, que asinada polo alumno e o seu pai ou a súa nai, permite levar un deles  para casa, nas mesmas condicións que un préstamo dun libro convencional. Unha moi boa ocasión para coñecer outro tipo de soporte no que podes  mergullarte no apaixoante mundo da lectura.

TOLERANCIA E MÚSICA

Seguimos metidos en materia, avanzando no calendario de actividades que a biblioteca e os diversos departamentos levamos a cabo. Desta volta con temas que se celebran neste penúltimo mes do ano, novembro, que vai descontando día a día, camiño tamén do derradeiro, decembro.
 
Por un lado o día da Tolerancia, que tivo lugar o pasado 16. Aportamos dende a biblioteca diversas informacións sobre esta data, como ser coherente neste senso. E por outra unha mezcla de libros e música, co gallo da festividade , o sábado 22, de Santa Cecilia, a patroa dos músicos. Un traballo no que tivo moito que ver o noso departamento de música e os seus alummos que nos amosaron o porque desta relación. Dende a biblio “movimos” os nosos fondos, tanto en papel como en soporte multimedia, para que os nosos usuarios poidesen saber un pouco máis.
Podedes ver unha serie de fotos ilustrativas.

VIDEOCONFERENCIA NO XOGRAR

O martes 18 de novembro, o alumnado de bacharelato, tivo a oportunidade de participar nunha videoconferencia con Ignacio Vilar, director da película A ESMORGA, e cos actores que interveñen nela.
A película, baseada na novela do mesmo título de Eduardo Branco Amor, estréase hoxe nos cines galegos. Como dí a páxina oficial, a obra é a “crónica tensa e intensa de vinte e catro horas na vida de tres homes, compañeiros de esmorga que, deixando un regueiro de destrución, de sexo equívoco e reprimido, van fechando portas tras si e guindando coas chaves, como para non querer volver, tal coma se adrede camiñaran á súa perdición.”

20141118_131748 (2)
20141118_132308 (1)

ANDREA MACEIRA NA BIBLIOTECA DO XOGRAR

Este mércores 12 tivo lugar a primeira sesión presencial club lector “ O Xograr Lector” no curso actual, unha actividade de difusión da lectura moi instaurada no IES Xograr Afonso Gómez.DSC_0246

Unha veintena de participantes, entre profesores e alumnos de diversos niveis educativos, compartiron a experiencia de falar sobre un libro coa escritora couñesa Andrea Maceiras, autora do libro escollido “Nubes de evolución”.

Podedes ver a galería fotográfica na páxina do Club lector deste blog.

 

 

PRIMEIRA SESIÓN DO CLUB LECTOR

A ESCRITORA CORUÑESA ANDREA MACEIRA PARTICIPA NA PRIMEIRA SESIÓN DO CLUB LECTOR DO IES XOGRAR AFONSO GÓMEZ DE SARRIA.


ANDREA MACEIRAS

 Este mércores 12 de Novembro, entre as 15h30 e as 17h15  terá lugar a primeira sesión do club de lectura “O Xograr Lector” do Curso 2014-2015, unha actividade de difusión da lectura moi instaurada no IES Xograr Afonso Gómez.

Para saber máis, visita á páxina deste blog  adicada ao Club de Lectura.

UN MES (NOVEMBRO)… UN FRAGMENTO… UN LIBRO…

Como cada mes, no corredor que nos leva á biblioteca atoparedes unha nova proposta de lectura. Deixámosvos unha pista sobre o protagonista:

“…Recordó las noches de trabajo, ocupadas en mediciones, en observaciones de estrellas y planetas, en el cálculo de los ángulos, noches de geometría insomne en las que, a veces, se producían hallazgos, atisbos de secretos revelados al pensamiento, a su propio pensamiento, al pensamiento de los hombres.”

E aquí tedes  a portada da lectura que vos propuxemos para o mes de outubro.

El mundo de Sofía

Se aínda non a lestes, non vola perdades!!

MOITO MEDO NA BIBLIO…

…Ou mellor dito nos corredores do Xograr. Tempo de Samaín, Santos y Difuntos, Halloween, Toussaint, como lle queramos chamar en linguas varias. Traballo multidisciplinar o que fixemos, boa coordinación dos departamentos de Lingua Castelá e Galega, Plástica e Ciclos de Atención a Persoas con Dependencia. ¿ O froito? Un magnífico mural da Santa Compaña, una exposición ( para préstamo de quen queira lelos) de libros relacionados coa temática, moi enraizada na nosa terra. E non podían faltar as cabazas, que decoraron pasillos, aulas e incluso o xardín de entrada do noso centro.
 
Todo isto é un pequeno botón de mostra, moito máis poidemos ver estes días no Xograr, tanto no traballo  como no resultado final destes didácticos traballos. Podedes ver agora unha serie de fotografías ilustrativas e un texto explicativo de “Novembro, tebro, novembro”.  Non teñades medo, eh!!

 

 

NOVEMBRO..

 

Novembro, tebro...O  mes  de novembro  foi  de  sempre  un mes  teñido de tristura: mal tempo, días curtos, pouca luz, día de  defuntos…Para paliar tanto gris, o Samaín lembra que é  momento de  recollerse e dar conta da xenerosa  colleita   que o outono nos deixa: veña lume e ardan castañas  e que non falte o  viño! A  este mes só lle faltaban decorados e como xa todos somos uns; o Halloween veu introducir algo de cor ,  e sobre todo , máis  festa .De todas partes xurdiràn bruxas,  pantasmas, vampiros  e  vampiresas ; cabazas de deseño ,castelos  góticos e brular de cadeas; ataúdes sofisticados  e fermosos   chuchasangues  de nova xeración.
Que  podemos contar que non saibamos!
Pero en toda esa panorámica da actualidade hai  un elemento que  dende a Biblioteca queremos  retomar:  o culto ao medo  que  parece ser o elemento principal de todas estas celebracións. Un sentimento que  nos   identifica como humanos , que  serve para protexernos e co que nos familiarizamos a través  dos relatos de terror/horror. Estas historias lévannos a descubrir  o lado escuro que nos habita, a entrever os  perigos que poden  agocharse trala apariencia  finxida, convértenos  en  presas fáciles que  só pensan en escapar e  fuxir…Nesta viaxe   emocionante, como nas montañas rusas , o noso corpo non deixa de  segregar   adrenalina  e , posto que  todo é unha ficción, experimentamos a gozosa catarse  final…Uff!
O ano pasado  adicamos  o  mes  a airear  os  títulos clásicos  que  na  nosa Biblioteca podedes atopar  sobre o relato de terror. Este ano queremos facer  unha  mostra de  obras que  recollan  o medo nos  relatos tradicionais  de Galicia,  os contos de aparecidos, de  demos  e  trasnos, de mortos e  vivos, de cemiterios, de bechos, de males de ollo, de meigallos, de fachas, de serpes,  de meigas e pócemas,  de curuxas, de corvos, de lobos e de lobishomes…
A Estadea, a Santacompaña, a Morte, o Sacauntos, o Lobo,as Meigas, o Chupasangues o Home do saco , o Urco, as Fadas e as Sereas…son protagonistas de historias de medo  arrepiantes  que  nada teñen que envidiar ás  que  de seguro nos  entreterán  estes días.

 

CONCURSO DÍA DAS BIBLIOTECAS 24 OUTUBRO

Co gallo do Día das Bibliotecas (o vindeiro 24 de outubro, aínda que o prolonguemos toda a semana) continuamos  unha pequena actividade concurso, xa feita en cursos precedentes.

 concurso

 

  • ¿Que é para ti a biblioteca? (dar unha definición da mesma a través dun texto en galego ou castelán)
  • Crear un lema para a biblioteca ( en galego ou castelán, com imaxe ou soamente texto)

 

          Os traballos pódense presentar a man, ordenador, cor, blanco e negro, en soportes variados, etc. Damos unha certa flexibilidade, pero o ideal sería que fosen entregados entre o 21 e o 28 de outubro, aos profesores de garda de biblioteca nos recreos.

 Os mellores traballos terán recompensa en forma de premios.

Cartel “DÍA DAS BIBLIOTECAS”