No bico, un cantar REBELDE! DÍA DE ROSALIA 23

Este curso non queriamos quedar sen celebrar o Día de Rosalía. De Rosalía. Sen necesidade de máis apelidos para identificala. Poucos autores e autoras haberá que recoñezamos só co nome. Así, ao abeiro da biblioteca, o ENDL, o departamento de Lingua e Literatura Galega e máis o departamento de Lingua e Literatura Castelá artellamos un acto que consistiu na lectura continua da obra rosaliana, ao longo de toda a xornada lectiva. No lecer, limos un manifesto e o noso alumnado interpretou “Balada Galega” de Xoán Montes.



NO BICO, UN CANTAR REBELDE, matizariamos hoxe, con Rosalía, o poema de Curros. Rebelde por reivindicativo e solidario. Defensora dos máis débiles da súa contorna: as mulleres, os emigrantes, os orfos, a lingua e o pobo en xeral.


Carme Adán, filósofa, profesora e política; foi a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 25 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. Neste manifesto Carme Adán fai unha lectura filosófica e reivindicativa, simbólica e moderna de Rosalía de Castro presentándoa como unha muller intelixente e sensible que estivo atenta para denunciar as inxustizas sociais e ideolóxicas do seu tempo: que converteu aquelas vítimas nas protagonistas dos seus versos e que berrou por todas elas.

ENTROIDANDO DE NOVO NO XOGRAR!!

Menudo festival do demo que se montou neste entroido no Xograr!! Había gañas de leria e notouse ben! Extraordinarias as comparsas: imaxinativas, divertidas, animadas a tope!! Desfrutamos de todos dos números, ata do dxs profesorxs!! Parabens a comparsa gañadora e viva o entroido!!!

LER PARA QUERER BEN: OUTRO 14F

💞💞 S14empre é unha efeméride esvaradía o 14F para o noso centro e tentamos ser intelixentes e orixinais nela. Neste curso, da man do Departamento de Lengua e Literatura Castelá coa providencial coordinación de Ana Belén Durán, decidimos propoñer que botamos a vista ao concepto de amor tóxico a través de diferentes publicacións.

A Bella e a Bestia, Romeo e Xulieta , Calisto e Melibea , Otelo e Desdémona, Tristán e Isolda, Don Quijote e Dulcinea, Heathcliff e Catherine Earnshaw; Scarlett O´Hara e Ashley Wilkes, Mr Darcy e Elizabeth Bennet son exemplos de como o amor vivido como paixón tóxica desencadea a traxedia ou o sufrimento de todos estes seres de ficción.

E non é un patrón superado. Máis ben é o patrón que atopamos unha e outra vez na literatura “romántica”, tamén hoxe e sobre todo, na literatura xuvenil.

Non necesitamos tampouco a un Hache/ Hardin Scott/ Edward Cullen/ Christian Grey/ na nosa vida! Crepúsculo, 50 sombras, After, A tres metros… son exemplos do MALQUERER na actualidade…

Tamén montamos unha colección de referencias para o ben querer. Lecturas que nos parecen interesantes e útiles, mesmo necesarias.

Propuxemos realizar e expoñer “cadeados do bon querer” para que o noso alumnado ofrecera a súa versión do ben querer. Coa escrita e a creación tamén podemos expresar o noso afecto en todas as formas posibles de amor san, libre e cheo de respecto!

DÍA DA CANDELORIA: POR UNHA BIBLIOTECA AMBIENTALISTA!

Non sabemos se vai medio inverno ou non… Mais o pasado día 2 de febreiro pasamos un chisco de frío na xa tradicional actividade do Día da Candeloria, organizada polo Departamento de Bioloxía coa xenerosa colaboración de Xosé María Castro e co apoio da biblioteca.

Aquí tedes unhas imaxes coa nosa mesa de recomendacións lectoras e tamén con binoculares para practicar a ornitoloxía.