DÍA DA PAZ: Aulas rotas, almas feridas

Outra actividade que tivemos o 30 de xaneiro consistiu nunha instalación para conmemorar o Día Internacional da Paz e da Non Violencia co título de “Aulas rotas, almas feridas”.

Neste curso, enfocámonos nunha realidade tráxica como é a destrución de escolas no conflito de Ucraína. Recreamos os espazos onde moitas/os nenas/os están a impartir aulas e proxectamos o documental “Aulas Rotas” para non esquencer que o dereito á educación está por riba de todos os conflitos e que os colexios son lugares para a paz que deben quedar afastados de toda agresión ou ataque.

Tamén editamos un pequeno pasquín cun manifesto que incluímos máis abaixo que foi repartido entre o alumnado para tentar difundir ó máximo posible esta realidade na nosa comunidade educativa. Agardamos poder contribuir cos nosos xestos a que as escolas deixen de ser obxectivos militares nos conflitos bélicos.

DÍA DA ILUSTRACIÓN: MARÍA ANTONIA DANS

Xornada intensa o día 30 de xaneiro no noso centro que arrancou lembrando a María Antonia Dans, a artista homenaxeada no Día da Ilustración na súa décima edición. Nesta data conmemórase o nacemento de Castela a través dunha iniciativa institucional que pretende visibilizar o traballo de artistxs mediante a organización de actividades entre as que se inclúen exposicións bibliográficas, obradoiros ou exposicións organizadas nas bibliotecas galegas.

Co gallo desta data, realizamos unha pequena exposición no hall do edificio principal achegando información sobre esta singular artista coruñesa e traballos do alumnado de Begoña Arias, a nosa compañeira de EPeV, con interesantes interpretacións da obra de Dans en formato de portada. Podedes visitala ata o día 3 de febreiro.

Momento Radiante : encontro con Manuel Darriba

A finais do mes pasado tivemos moita actividade arredor da presentación do libro “Radiante” de Manuel Darriba editado por #chandapolvora con dous actos en diferentes datas: un na Casa da Cultura de Sarria e outro no noso propio centro.

Marabillosa velada que nos brindou Teresa López, profesora de Lingua e Literatura Galega, xunto co noso alumnado no acto público de presentación do novo libro de Manuel Darriba “Radiante”, na Casa da Cultura de Sarria. “Radiante” é o novo libro deste autor sarriao, publicado nunha edición fantástica da editora compostelá Chan da Pólvora. Interviron Antón Lopo (editor), o propio autor e foron secundados por Ari, Thalia, Aitana, Xabi, Mateo, Fabia, Xana, Mauro, María, Lía, Slatel e Carlos cun variadísimo programa de interpretacións dos poemas do libro. Un acto extraordinario cheo de talento e sensibilidade que puido desfrutar toda a veciñanza de Sarria.

Tamén tivemos ocasión para realizar a presentación no noso centro, de novo da man da compañeira de galego, Teresa López. Manuel asinou un dos dous exemplares que temos no noso fondo e fíxonos unha visita para intercambiar experiencias e posturas arredor da creación, da escrita e da lectura. Un luxo de xornada!