DÍA DO LIBRO (III): “CÓNTOCHO EU…!”

Para esta data tan importante para a nosa biblioteca, tamén desenvolvimos unha actividade deseñada polas bibliotecas dos IES “Basanta Silva” (Vilalba) e “Xograr Afonso Gómez” Sarria co obxectivo de crear e desenvolver redes, vínculos e relacións entre as bibliotecas e as comunidades lectoras dentro dun programa de colaboración chamado “biblioembaixadas”.

Consiste nunha acción viral que se desenvolve no espazo dunha rede social (Instagram, Facebook ou Twitter) a través da pequena gravación dun vídeo que consiste na gravación dunha narración oral arredor dunha obra literaria que, polo motivo que sexa (lectura iniciática, determinante, fatal…), foi importante para a propia persoa participante.

Os vídeos teñen unha duración máxima de 1 minuto e a persoa participante tentará ofrecer a súa versión persoal da obra en cuestión dentro do seu poprio perfil coas etiquetas “#contochoeu!” + “#abibliotecaescolartenapalabra” + “#biblioembaixadas”. No bloque de texto da publicación explicarase de xeito claro a que obra se está a aludir. Ti xa fixeches o teu? Aínda non? Pois non esperes máis, cóntanolo!! TES ATA FINAL DE CURSO PARA FACELO!!

DÍA DO LIBRO (II): PROGRAMA ESPECIAL NA RADIO XOGRAR.


Ledicia absoluta coa volta ás ondas de Radio Xograr en directo para celebrar o Día do Libro 2022!!

Da man do mestre de cerimonias Miguel Cumbraos e o seu fantástico equipo: Carla; Aitana; Alba; Xabi; Mateo e Fausto co baustismo radiofónico de Marc no soporte técnico.


Entretidísimo programa especial adicado íntegramente ao Día do Libro con lecturas, difusión das nosas actividades e a valiosísima participación de Luis Lopéz Alonso, o noso autor local apoiándonos coa súa suxestiva locución. Luxazo!!

DÍA DO LIBRO (I): ATRINCHEIRÉMONOS NOS LIBROS!!

Vivimos tempos convulsos. Está presente o conflito de Ucraína, pero lembramos tamén as guerras activas en Siria, en Yemen, en Etiopía, en Afganistán, en Myanmar, en Angola e Somalia; en Palestina tamén… Guerras terribles, unhas máis coñecidas; outras desgraciadamente case ignotas.

A través dunha instalación situada na propia bilbioteca invitamos a pensar nos libros como unha trincheira contra a violencia, contra a intolerancia, contra todas as guerras. Moito do noso alumnado pasou a participar nesta iniciativa que aínda que ten un carácter simbólico supón un xesto activo para recoñecer nos libros unha garantía de civilización e cultura contra a barbarie.

Atrincheirándonos nos libros quizáis non se poderán parar pero poñeremos unha defensa infranqueable para poder evitar. Ler, como non, será sempre un acto de paz.

CELEBRAMOS A SAÚDE: COÑÉCEA; COÑÉCETE!

No Día Mundial da Saúde o alumnado de Bioloxía de 1º Bac preparou unha pequena mostra visual para coñecer e interpretar as análises de sangue.

Trátase dunha serie de paneis visuais onde se representan os elementos que conforman a análise do sangue dende unha perspectiva descritiva e accesible. Os paneis explican e aclaran as características bioquímicas e as particularidades do hemograma neste tipo de mostraxes. Unha aportación sinxela pero valiosa realizada polo Departamento de Bioloxía para afondar dende a nosa biblioteca no coñecemento integral da nosa saúde.