Seguimos no que acontece aos números da nosa biblioteca. Desta volta, en xaneiro, un mes que tivo dezaseis días lectivos a catalogación e o préstamo segue amosando moi bos resultados. Os números os tedes na foto que xúntase a este post. A seguir así!!!
Arquivos mensuais: Xaneiro 2021
Club Lector ” O Xograr Lector”
Clubes lectores en marcha No presente exercicio 2020-2021. Estase a traballar na selección de obras para o Xograr Lector, que desta volta será de forma telemática, COVID19 obriga. En breve vos iremos informando. De momento o que xa está dispoñible na sala de profesores é unha urna para as suxestións lectores do apartado Adultos-ON Line, co gallo de acadar un catálogo de fondos moi plural. Xa sabedes profesores, profesoras, persoal de servizos, pais, nais, a aportar títulos!!!
Arquivado en CURSO 2020-2021
Febreiro xa ten…
…o seu cadro, esa sección que repartida entre docentes, alumnado e persoal non docente pretende amosarnos pinturas que son ben significativas. Desta volta analizamos a achega do orientador do centro, Jose Regueiro. Preme no pdf e poderás descubrir cantas cousas poden transmitir un pincel e unha tela.
Arquivado en CURSO 2020-2021
Biblioteca histórica do Xograr
…que vai tomando forma, aos poucos. Coordinada pola profesora Lola Chaos, do departamento de Lingua Galega, xa ten o seu espazo creado e en breve recibirá a pertinente decoración. Será un lugar onde iranse amosando fondos de carácter histórico ou de alto valor patrimonial en lingua galega. Toda unha serie de documentos en papel que forman parte do noso centro escolar.
Arquivado en CURSO 2020-2021
Nova biblioteca inclusiva e de igualdade
Con fondos xa existentes, así como as achegas mercadas cos cartos do Plan de Igualdade e de Biblioteca Inclusiva, a nosa biblioteca dispón xa dunha completa “ Biblioteca Inclusiva e de Igualdade”. Debidamente situada – ocupa dúas vitrinas – e rotulada, dispón de libros, manuais, material multimedia, identificados todos cun adhesivo de cor verde. Está dividida nos seguintes apartados, dentro dos cales atópanse os fondos ordenados alfabeticamente por autor/autora (as tres primeiras letras do seu primeiro apelido en maiúscula no medio da etiqueta adhesiva)
- Animación á lectura
- Comunicación
- Dicionarios
- Guías varias
- Igualdade
- Intelixencia Emocional
- Lecturas Infantil e Primaria ( Castelá e Galego)
- Lecturas Secundaria (Castelá e Galego)
- Material variado para titorías
- Xogos
Todo este completo material – grazas a todos e todas os que achegaron suxestións transformadas posteriormente en compras, así como ao laborioso traballo da profesora Sol Rodríguez, do equipo de biblioteca, catalogando e ordenando– está a disposición de todo o profesorado, alumnado, familias, etc. Hai fondos moi diversos que poden valer para accións moi variadas (reforzo, obradoiros, apoio, lecturas colectivas ou individuais, titorías, disciplinas diversas, etc. ). Non dubidedes en consultar na biblioteca os andeis correspondentes e levar prestado, tanto para uso na clase como na casa, este completo material.
Arquivado en CURSO 2020-2021
Tempos máis dixitais
…aos que nos achegamos con máis intensidade e rapidez. Polos cambios que se dan na sociedade e polas circunstancias que nos toca vivir. Deste xeito, os nosos libros electrónicos ( tanto do proxecto Elbe como do Elbe2) están sendo solicitados polo noso alumnado. Dende a biblioteca decidiuse cambiar a súa ubicación, pasando agora xusto a carón da porta de entrada. Así, búscase que esta nova situación sexa máis operativa tanto no momento do préstamo como no da devolución.
Arquivado en CURSO 2020-2021
Inglés…ready…
…porque os fondos que compoñen esta disciplina xa están debidamente recolocados. Gran traballo da profesora Ana Cedrón, que permite ter gramáticas, libros de civilización, lecturas graduadas, outros correctamente clasificados e ordenados.
Arquivado en CURSO 2020-2021
Relixión, Latín e Grego
Novo emprazamento paras os fondos destas tres disciplinas. Así, os libros de Latín, Grego e Relixión xa teñen un espazo “ ad hoc” debidamente habilitado e sinalizado, sendo deste xeito máis operativa a localización de dito material.
Arquivado en CURSO 2020-2021
Premio pola decoración do Nadal 2020
Parabén para todas as persoas que colaboraron na realización da decoración de Nadal. O Concello de Sarria concedeu ao noso centro escolar o segundo premio da categoría “ Colectiva Exterior”. Un merecido galardón para un traballo moi relacionado cos tempos tan especiais que estamos a vivir.
Arquivado en CURSO 2020-2021
Gran traballo…
coma sempre, do profesor Xosé Lois Gutiérrez Faílde, que tamén forma parte do equipo de biblioteca. Desta volta mesturando titoría, escritura, lectura, empatía e moitas cousas máis que veñen resumidas no enlace seguinte. Parabéns a Lois e ao seu alumnado de 1º Bac pola iniciativa, moi necesaria nos tempos que corren.
Arquivado en CURSO 2020-2021