É domingo. Remata a semana..e tamén ese percorrido singular que polas Letras Galegas 2020 fixemos neste blog. Desta volta, lembrando de formas moi diversas, a senlleira figura do intelectual ferrolán Ricardo Carballo. Un traballo que foi posible grazas a toda a comunidade educativa do noso centro escolar. Ponlle o epilogo con esta reflexión (e a suxestión de mergullarse no vídeo complementario) a docente Lola Chaos.
Pra vós a verdade,
pra min a beleza;
pra vós o conceito,
e pra min a verba…
Carvalho Calero
VERBAS DE AUTENTICIDADE
(ACOMPAÑADAS DUN BREVE RECORDATORIO EN VÍDEO)
Don Ricardo Carvalho Calero non foi home de falar de si mesmo. Mais as súas verbas ecoan a día de hoxe a través da súa familia, das súas amizades, daqueles que o acompañaron no labor profesional, dos seus discentes e de toda persoa que se achegue dun xeito ou doutro a súa inxente obra.
A súa gramática , a súa historia da literatura son de obrigada consulta para todo o profesorado da materia de lingua galega, referentes que marcaron a historia lingüística e literaria de varias xeracións, pero as súas verbas auténticas atopámolas na mensaxe literaria, tanto nas novelas A xente da Barreira como en Scórpio. A súa autenticidade percorre os versos de Cantigas de amigo e outros poemas até Reticências , onde a tráxica dor de ser un dos “malditos” transloce no eu lírico e desacouga ao lector atento.
No seu epistolario cos de sempre, atopamos as razóns e respostas de moitas preguntas que aínda moitos no presente se formulan. Consérvanse numerosas cartas de Carvalho e os seus contemporáneos na Fundación Penzol e tamén nos arquivos do Parlamento de Galicia. Pouco a pouco van saíndo a luz. Algunhas por fin publicadas neste ano carvalhés.
De xustiza tamén é abeirarse as verbas escritas na prensa por Carvalho Calero ou por calquera dos seus heterónimos. Pode ser que tamén aí descifremos a incógnita do seu pensamento. Convén non esquecer que Carvalho Calero sufríu as intrigas e o isolamento do que el mesmo chamaba humorísticamente “o holding”, o poder académico. E hai raíces tan fondas nese pequeno gran universo que , o seu incondicional amigo Jenaro Marinhas dicía “estou certo que non imos para a mesma romaría”.
Este ano, a trinta anos da súa morte , a conmemoración das Letras galegas na súa honra recae en nós e non hai mellor xeito de honra que LER A CARVALHO CALERO. Non é unha opción, é unha obriga para para os bos e xenerosos que a nosa voz entenden!
Lola Chaos
VISIONAR
https://www.youtube.com/watch?v=4aK5TxaZv14