Perto dunha veintena de persoas, entre alumnos, profesores e pais-nais, reuníronse na biblioteca do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria para participar na segunda sesión do Club de Lectura “O Xograr Lector” no presente curso académico 2017-2018.
Desta volta traballouse coa novela da xornalista e escritora santiaguesa María Solar, “ As meigas de Lupa”. Un libro sinxelo e moi atractivo, que foi do gusto de todos os presentes e que recolle historias moi vencelladas coa cultura tradicional galega. Para facer máis levadeira a sesión, os participantes degustaron unha sabrosa larpeira.
A terceira reunión do Club Lector do IES Xograr xa ten libro. Trátase da novela da viguesa Ledicia Costas “ Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta”, texto sobre o que se traballará a mediados do mes de maio, non descartando a presenza da autora no centro educativo sarriao.