Día da televisión

Desta volta os alumnos de 4º da ESO da materia de Tics ( grazas á profesora Sonia do departamento de Tecnoloxía) fixeron un interesante traballo comparativo coa evolución da televisión. Aproveitamos para deste xeito celebrar o 21 de NOvembro, día da Tele. Traballo presentado en power point, que xa o temos nos nosos videomarcadores dos vestíbulos e que agora vos deixamos aquí.

DÍA MUNDIAL TV

 

Marcos dixitais actualizados…

..pois levaban un certo tempo obsoletos. Xa os temos cargados de fotos de todo o que fixemos dende o inicio de curso ata actualidade.

Como sabedes, tanto o que está dentro da biblioteca, como o que está fora, encéndense ás 11h10 e apáganse ás 11h40, é dicir que están activos no noso tempo de lecer

Primeira Reunión do Clube Lector ” O Xograr Lector”

 

Perto dunha ducia de persoas, entre alumnos, profesores e pais reuníronse na biblioteca do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria para participar na primeira sesión do Club de Lectura “O Xograr Lector” no presente curso académico 2017-2018.

 

Desta volta o máis significativo foi a presencia por primeira vez na súa historia, na versión presencial, dunha nai, sen contar a participación dende hai tres cursos de profesores pais e nais. O feito é significativo, agardando os organizadores que aumente o número de proxenitores que queiran compartir cos seus fillos e fillas esta lectura en común.

 

Desta volta traballouse co singular libro do escritor lucense Manuel Núñez Singalá “Instruccións para tomar café”, unha serie de relatos baseados en diversos aspectos da personalidade galega. O texto permitiu afrontar un interesante tempo de reflexión entre todos os participantes, aderezado igualmente con café, chocolate e pastas para facer máis agradable a reunión. Dende o club lector do centro escolar sarriao anímase a participación nas vindeiras reunións non tan só de máis alumnos senón, como antes  comentado, de pais e nais dos mesmos.

 

 

Novembro, tebro, noitebro no Xograr

Como cada mes de novembro, a Biblioteca do Xograr rende homenaxe á literatura de terror. Este ano  eliximos a figura da Meiga, protagonista indiscutible dos relatos de medo tradicionais galegos.
Estudiar a figura da Meiga permitíunos recuperar algúns textos clásicos da literatura galega de Fole ou Cunqueiro pero tamén  valorar a importancia sociolóxica destes personaxes vencellados aos coñecementos da mediciña popular, reivindicar a importancia do noso entorno natural como soporte vital e  popularizar  a figura real  dalgunhas mulleres que exerceron  como Meigas e que para os nosos alumnos eran totalmente descoñecidas.
Ademáis dunha exposición reivindicativa da función das Meigas reais na sociedade galega, como menciñeiras e botánicas  custodias de todo un saber milenario e popular sobre os poderes que se agochan no entorno natural e que se resaltou nun “Manifesto Meigo” (no que tamén prestamos atención  á figura destas mulleres valentes que se decantaron por unha vida independente, ao marxe moitas veces da sociedade patriarcal) ,  fixmos unha proposta de unidade didáctica que pretende facer un estudio de campo sobre a posible existencia dunha meiga nesta bisbarra  , así como a recollida de lendas  nas que se mencione a súa existencia. Como as Meigas pertencen á tradición popular, oral; foi este un traballo que pretendía tamén poñer en valor a importancia  dos nosos maiores como transmisores desa cultura. Para terminar, fixemos tamén un rastreo da figura da bruxa pola literatura para axudar aos alumnos a diferenciar e  a  entender mellor as diferenzas.
 O Departamento de Educación Plástica , cos alumnos de 4º deESO, sorprendeunos coa elaboración dun imaxinativo  mural  que servirá para manter ao longo de todo este mes o medo polos nosos corredores …