Os seres humanos sentimos medo ante un montón de situacións, algunhas reais e outras imaxinarias. Ante o medo , a cadaquén lle pasan cousas distintas: sentimos a necesidade de fuxir, de enfrontalo, de tapármolos ollos e os oídos , de metérmonos baixo das sabas ou de buscar a alguén que nos protexa. Outro xeito de enfrontar os nosos medos é expresalos con palabras e imaxes. Quizais por iso, os homes e mulleres contan lendas, escriben contos e novelas, filman películas e pintan cadros nos que o medo ten o seu lugar.
Unha morea de historias de terror suceden en lugares que asociamos co medo, como un cemiterio ou un castelo escuro. Tamén soe facer frío, o que nos fai sentir máis fráxiles . E por suposto, transcorren na noite, cando os nosos ollos non distinguen ben as formas e a lúa nos envolve coa súa luz esmorecida.
Ás veces, o medo métesenos polos oídos, como cando escoitamos o ouvear do can, o renxer das portas , as pegadas no chan… E aínda que nos dean medo, seguimos os ruídos porque queremos saber de que se trata. Algúns ruídos estarrécennos, como o da porta que se pecha de súpeto ou o berro que vén de lonxe.
De todos os elementos que serven para construír un relato de terror , as portas son , sen dúbida, os máis efectivos. As portas sempre son un reto para o home que se sitúa enfronte dela. Representa unha especie de prohibición cando está pechada e unha invitación cando está aberta. En ámbolos dous casos o home quere traspasar o seu umbral porque sente curiosidade, unha curiosidade que lle é innata e que é a causa de todos os avances e progresos da humanidade. Tras dela concebimos a existencia de mundo mellores , paraísos descoñecidos que queremos ollar por ver se algo podemos aprender …Pero esas portas tamén supoñen perigos e son eses perigos os que se magnifican na literatura de terror: condúcennos a terrritorios descoñecidos, sobrenaturais ou mesmo cósmicos, pero tamén nos axudan a anticipar perigos axexantes nos espazos cotiáns.
Por iso, este ano fixemos unha exposición co lema: ”Para pasalo de medo” que comeza cunha selección de microrrrelatos (“Cortos de medo”) e continúa coa invitación para retratarse nalgunhas das portas máis terroríficas do cine clásico , portas que pretenden estimular a imaxinación dos nosos alumnos e que ambientarán o noso mes de novembro xunto coa reivindicación do SAMAÍN que leva a cabo o Equipo de Dinamización lingüística.