AeA 16 chegou impresa en dúas caixas de cartón, apenas medio metro de espazo e pouco menos de 10 Kg de peso. Que pouquiña cousa!, pensaredes. Abofé que non!
Tras desa liviandade están trinta alumnos, que acoden con presteza ás reunións nos escasos minutos que teñen de lecer, entre clase e clase, ao longo das semanas de todo o curso.
Tras desa brevidade agóchase unha escolma de intres previos , unha posta en común de ideas, de escollas, de seleccións feitas ao chou, ou por sortes e resortes. Aí están fins de semana adicadas a adubar as pezas, a arranxar textos e formas; aí están noites de reflexión e desacougos, días de preguiza e xornadas de divagación ou clarividencia. Corre o tempo, cadaquén cociña o traballo de seu e cando os desatinos xa semellan correxidos chega o ensarillado maio, e xorden novos retos de milimetraxe no ordenador, de adaptación para a presentación , de arranxos de imaxe …de demoras e dúbidas , e sobretodo de decisións: cómpre servir o prato.
Resultado final: velaí o tedes.
AeA 16, produto de consumo rápido, de consumo inmediato endexamais perecedeiro, sen residuos prexudiciais e con nutrintes para todos nós:
Ofértase no noso propio local, o Xograr, e tamén en web http://www.revistaaquieagora.blogspot.com
Adáptase ao horario laboral e ao de lecer
Lese a modiño, a chimpos, ás carreiras, do limiar ao fin , de diante para tras ou de atrás para adiante….
Agasalla un menú equilibrado (ciencias, humanidades, deportes, música, opinión, enquisas, pasa e repasatempos…..)
Alguén dá máis? Bo proveito !… Nós recuncaremos, seguro!
Equipo redacción AeA
Podedes descargar a revista en formato pdf:
PARABÉNS A TODO O EQUIPO DE AQUÍ E AGORA!