Trinta e sete alumnos do IES Xograr Afonso Gómez pertencentes a 3º e 4º da ESO, así como a 1º de Bacharelato, participaron nunha actividade lingüística no Camiño de Santiago, ao seu paso por Sarria, proposta polo departamento de Francés, e que tivo lugar o pasado 30 de abril.
A primeira parte da actividade consistía en entrevistarse con persoas habitantes de Sarria, que por razóns de variada índole – familiar, traballo, emigración, sociais, culturais, etc. –aprenderan francés no seu momento e o empregan con asiduidade nas súas cotiás ocupacións laborais. Para ilo contouse coa colaboración de persoas de Bar Camiño Francés, Restaurante Mesón Tapas, Restaurante Matías Locanda Italiana, Restaurante O Chanto, Hotel Alfonso IX, Hotel Vila de Sarria, Albergue Monasterio La Magdalena e Oficina de Turismo de Sarria, que prestáronse a axudar amablemente nesta tarefa pensada con finalidade pedagóxica.
A segunda parte desta actividade lingüística consistía en buscar peregrinos francófonos en diversos puntos da senda xacobea ó seu paso por Sarria, dende Vigo de Sarria ata a Ponte Áspera, incluíndo ademais lugares frecuentados polas persoas que fan este itinerario, como son as estacións de bus e tren, os supermercados, o exterior do centro médico, a oficina de turismo, etc. O obxectivo era falar con eles en francés, preguntándolle por aspectos da súa viaxe, vivencias que se podían recoller en papel e lapis ou ben recorrer ás novas tecnoloxías, é dicir cámaras dixitais de imaxe ou vídeo, gravadoras de son, teléfonos móbiles, MP3 ou MP4, etc.
Un cuestionario gramatical, baseado en diversos monumentos de Sarria, foi a terceira parte desta actividade realizada nunha época do ano na que os peregrinos empezan a encher o camiño, sendo estranxeiros boa parte deles.