8 de Marzo: DÍA DA MULLER TRABALLADORA…

…ou mellor neste caso semana. Dende o pasado xoves 3 e ata o venres 13 leváronse a cabo diversas actividades relacionadas co 8 de marzo, é dicir, o “Día da Muller Traballadora”. Dunha banda colocáronse en diversos puntos do instituto carteis moi variados que nos invitan a reflexionar sobre esta data, e en concreto,  sobre o rol importante da muller na sociedade. Doutra, no edificio novo, atoparedes un magnífico traballo realizado por alumnos e profesores do Departamento de Música, sobre a muller e a música. Amósanse mulleres que xogaron un papel moi importante na producción musical, dirixindo, interpretando, creando….E por último a música do noso “DJ Xograr”, que no tempo do lecer fainos escoitar cancións de intérpretes femininas que dixeron ( e din) moito neste campo.

SEMANA DA PRENSA

Desta volta mesturamos prensa e idiomas. Cada día entre o luns 9 e o venres 13 de marzo no taboleiro de cortiza que está a carón da portería do edificio vello terás a posibilidade de consultar a primeira  folla de tres xornais  variados. Haberá portadas de xornais españois ( La Voz, El Progreso, El País, El Mundo….), de xornais en lingua francesa ( franceses, suizos, belgas….) e tamén en lingua inglesa ( ingleses, irlandeses, americanos..). É unha forma de coñecer as principais noticias do mundo e dun país en concreto a través dun xornal e á par praticar as linguas estranxeiras que aprendes no teu instituto.

Un mes (Marzo) e un libro de….

FÍSICA

Como sempre vos damos unha pista sobre o libro do mes….

“… De onde vén o universo? Como é, por que empezou? Terá un final, e, en caso afirmativo, como será? Estas son cuestións de interese para todos os homes.

Pero a ciencia moderna fíxose tan técnica que só un pequeno número de especialistas son capaces de dominar as matemáticas utilizadas na súa descrición. A pesar diso, as ideas básicas sobre a orixe e o destino do universo poden ser enunciadas sen matemáticas, de tal maneira que as persoas sen unha educación científica póidanas entender.”

O mes pasado foi o momento de seguir os bos consellos para estar en forma. A través dun texto sinxelo podíamos ter claro por que facer deporte é tan necesario. Agora, xa en marzo, invítamoste a que pases pola zona onde está o libro do mes e que leas o seu resumo. Por que? Sinxelamente porque ten que ver cun fenónemo relacionado co astro sol e que terá lugar o vindeiro 20 de marzo
correr para vivir