Un total de 31 alumnos de Francés segunda lingua estranxeira, pertencentes a 3º e 4º da ESO, así como a 1º de Bacharelato, participaron nunha actividade proposta polo departamento de Francés do noso centro. Para iso desprazáronse a Lugo, onde pasaron unha mañá enteira, soleada pero fría.
Por unha banda asistiron a representación dunha obra de corte clásico ambientada na Francia do século XVII. Era o caso dunha comedia do coñecido dramaturgo galo Molière, titulada “Tartuffe”, adaptada para un público adolescente, e que trataba temas como a hipocresía, os matrimonios de conveniencia ou os falsos devotos entre outros.
E doutra, unha doble actividade de simulación. Traballando en grupos de 4/5 alumnos, cun material en lingua francesa preparado polos seus profesores e planos da capital da provincia, os alumnos do Xograr debían ir descubrindo unha serie de pistas e respondendo a unha serie de preguntas, entregando ao final da mañá o resultado por escrito deste traballo colectivo.
Podedes ver unha serie de fotos da obra de teatro, da actividade de simulación e do grupo de alumnos participantes.